jueves, 30 de abril de 2015



Vacacións nas Palmas de Gran Canaria para os usuarios e usuarias de  Andaina Pro Saúde Mental
 

30 abril 2015 Usuarios e usuarias de Andaina Pro Saúde Mental, así como varios dos seus monitores e voluntarios, gozaron de varios días de vacacións nas Palmas de Gran Canaria. Unha viaxe realizada conxuntamente cos integrantes das asociacións DOA e Portanova, en colaboración con Feafes e o IMSERSO. Durante a súa estancia todas e todos eles tiveron a oportunidade de poder desfrutar de baños no mar e paseos polas praias canarias, e tamén de excursións e visitas culturais.  Unhas escapadas nas que os andainos e andainas tomaron boa nota para os seus traballos creativos e para a elaboración de cadros e pinturas nas clases de arteterapia.


martes, 28 de abril de 2015

Memoria económica 2014

MEMORIA ECONÓMICA 2014


sábado, 25 de abril de 2015



Andaina Pro Saúde Mental en ExpoOrdes 2015



26 abril 2015 Unha vez máis Andaina Pro Saúde Mental acude a unha nova edición de ExpoOrdes. Nesta ocasión ademais co compromiso de representar a Feafes como ente colectivo do que forma parte. Como é habitual o posto da nosa asociación destaca pola súa creatividade e colorido, grazas a todas e cada unha das obras e creacións que nel se exhiben. Unhas pezas realizadas artesanalmente polos nosos usuarios e usuarias e que se poden adquirir por un módico prezo. Os beneficios acadados investiranse íntegramente para financiar os proxectos da nosa asociación.

martes, 14 de abril de 2015



O 46,3 % da cidadanía galega non marca o recadro de Fins Sociais na declaración da Renda

· Un total de 585.396 contribuíntes non marcan ningunha casiña, nin de Fins Sociais nin da Igrexa.
· Se estas persoas marcaran o X de Fins Sociais recadaríanse 26,2 millóns de euros.
· O ano pasado recadáronse 14.858.529, cantidade que incrementou 431.303 euros con respecto a hai dous anos.
· Marcar un recadro non significa que se paguen máis impostos nin lle devolvan menos, dos impostos que tocan pagar, o Estado permite que a persoa contribuínte decida a quen lle quere destinar o 0,7% dos impostos que ten obriga de pagar. 

Santiago de Compostela, 14 de abril. As entidades do terceiro sector galego xuntáronse en Santiago esta mañá, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social).  Na rolda de prensa presentouse tamén a campaña                    X Solidario deste ano, que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.
O Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro”. No caso de marcar os dous recadros os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous, pero Cuns fixo fincapé na idea de que “ é un dereito elixir que queres que se faga cos teus cartos, e non todo o mundo pon en práctica este dereito”. Ademais, o representante de EAPN-Galicia tamén quixo aclarar que cando se marca un recadro os contribuíntes non pagan máis impostos e tampouco lles devolven menos. “Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar”, concluíu.
María Paz, Vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras acadadas no recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado. Paz apuntou que “grazas á solidariedade das persoas que destinaron o 0’7% dos seus impostos a esta finalidade obtivéronse 14.858.529 euros” pero engadiu que, “se ese 46,4% de persoas que só marcan a Igrexa ou que non marcan ningún recadro apostara polo X Solidario, a cifra aumentaría en máis de 11.400.000 euros”. “Hai 585.396 galegas e galegos que non marcan o recadro de Fins Sociais, un xesto que non custa nada, e para estas persoas vai dirixida a nosa campaña” subliñou María Paz.

O Presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, explicou que os 14.858.529 euros recadados durante o ano pasado son repartidos entre as organizacións sociais polo que, “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión social”. Ademais disto, o Presidente do CERMI-Galicia aclarou que “existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan e que non se destinan ás estruturas das entidades”.
Para máis información: 
Coordinadora Galega ONGD. Maria Paz 981 585 189 / 618 626 627
EAPN-Galicia: Xosé Cuns 698 127 110

sábado, 11 de abril de 2015



Andaina Pro Saúde Mental recibe 25.000 euros de subvención por parte da Deputación da Coruña
Trátase de dúas axudas de 13.500 e 11.300 € que se investirán respectivamente no seu programa prelaboral e na rehabilitación de casos crónicos e severos nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar
11 abril 2015 A Deputación da Coruña acaba de concederlle dúas subvencións a Andaina Pro Saúde Mental cuxo importe total ascende a 24.800 €. Concretamente hai que falar de 13.500 € para o acondicionamento do pavillón e a adquisición de material para o programa prelaboral de elaboración de sidra e derivados da mazá, e doutros 11.399 para a rehabilitación de persoas con enfermidade mental crónica no ámbito rural das comarcas de Ordes e Ulla-Sar.
          No primeiro dos casos o obxectivo principal desta axuda pasa pola recuperación e promoción da elaboración dos ditos produtos artesanais, naturais e propios dos concellos nos que a asociación presta o seu servizo de atención. Un colectivo de usuarios e usuarias cuxa plena e completa recuperación pasa pola súa inclusión nun nicho laboral que lles ofreza uns ingresos dignos que posibiliten unha planificación e independencia económica.
     Por outra banda, a carencia de recursos especializados en saúde mental fai necesaria a intervención de Andaina PSM no ámbito rural. Unha contía que se investirá para poder continuar coa súa función de dispositivo complementario para  atender tanto ás persoas con enfermidades mentais crónicas e severas como ás  familias afectadas. Unha atención profesional e humana que pasa pola intervención de profesionais, como os educadores ou os psicólogos, encargados de atender dúbidas, necesidades e particularidades de cada quen, potenciar a prevención de ingresos a psiquiatría, evitar recaídas, funcións psicoeducativas, estratexias no manexo do enfermo, habilidades sociais, mellora do estado cognitivo, ou potenciar a  autonomía e a integración a todos os niveis, entre outros aspectos. A todo isto hai que engadir a súa responsabilidade na coordinación coas unidades de saúde mental, centros de saúde, unidades hospitalarias de rehabilitación, servizos sociais, culturais, deportivos, lúdicos e didácticos de ámbito municipal e rexional, así como o labor conxunto con entidades comunitarias específicas (Feafes), entre outros aspectos.
     Como obxectivos máis inmediatos pódense citar o mantemento dos grupos de apoio como ferramenta rehabilitadora; o incremento do número de usuarios e usuarias; brindar unha atención psicoeducativa que inclúa aspectos como a valoración, intervención, seguimento, prevención e avaliación; coñecer e valorar as profesións e ocupacións laborais non clasificadas segundo os estereotipos de xénero; aumentar a autonomía dos usuarios e usuarias con respecto ás súas familias e noutro tipo de relacións;  aumentar o desempeño cognitivo nas tarefas de atención, memoria e linguaxe; desenvolver pautas de busca e formación laboral, e por último aumentar a cantidade e calidade dos talleres rehabilitadores impartidos dende os centros.