martes, 23 de junio de 2015

Andaina Pro Saúde Mental visita os lugares de maior interese cultural de Ponferrada

 

















30 abril 2015 As terras de León foron o lugar escollido polos usuarios e usuarias da asociación sen ánimo de lucro Andaina Pro Saúde Mental para unha nova excursión. Ao longo de tres días visitaron distintos puntos de interese cultural, como por exemplo a área arqueolóxica das Médulas, o Castelo dos Templarios, o Museo Nacional da Enerxía ou o Museo da Radio Luís del Olmo, todo isto na localidade de Ponferrada. Esta viaxe foi posible grazas á colaboración da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES) da que Andaina Pro Saúde Mental forma parte.

domingo, 14 de junio de 2015



Andaina Pro Saúde Mental asiste
ao XIX Congreso de Feafes



15 xuño 2015 Voluntariado, traballadores e usuarios de Andaina Pro Saúde Mental asistiron esta fin de semana ao XIX Congreso de Feafes. Baixo o lema ‘Embarcados cara a unha vida plena’ a cita de índole estatal desenvolveuse durante os pasados días 11 e 12 de xuño na Coruña. Un marco establecido para expoñer e compartir experiencias en torno ao fomento da autonomía das persoas con trastorno mental. Ademais dos relatorios tamén se desenvolveu un encontro do movemento asociativo da saúde mental para o intercambio de experiencias e pareceres en base ao acontecido, visto e oído neste congreso. Unha edición na que se contou coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación ONCE e Janssen e Ferrer.

miércoles, 10 de junio de 2015

Grande aceptación e moi boas críticas para a sidra de Andaina Pro Saúde Mental na IV Feira da Estrada




 



10 xuño 2015 Andaina Pro Saúde Mental tivo unha notable presenza na IV Feira da sidra que tivo lugar no concello da Estrada, grazas á súa sidra elaborada con mazás galegas. Un produto totalmente ecolóxico que foi realizado polos nosos usuarios e usuarias no taller de inserción laboral organizado pola asociación, contando co respaldo e apoio da Consellería de Traballo e Benestar.
Ao pé do canón e en todo momento pendente de que a cousa evolucionase como era debido estivo Jordani, que non parou de servir, escanciar e atender á xente que se animou a visitar o posto da nosa asociación. A todas e todos os asistentes e participantes agradecerlles a súa presenza e as felicitacións que nos brindaron tras degustar a nosa sidra. Tamén queremos agradecer aos organizadores desta cita que contaran con Andaina Pro Saúde Mental. Xa estamos desexando volver.....



Usuarias de Andaina Pro Saúde Mental desfrutan do Camiño Inglés ao seu paso polo concello de Ordes


10 xuño 2015 Varias usuarias de Andaina Pro Saúde Mental quixeron aproveitar o bo tempo destes últimos días para desfrutar do campo e da natureza. E para iso nada mellor que botarse a andar polo Camiño Inglés que transcorre polo concello de Ordes. Concretamente realizaron un pequeno tramo de máis de dous quilómetros que parte da igrexa de San Paio de Buscás ata o muíño de Vilariño. Todas elas pasárono en grande e xa barallan a posibilidade de continuar co seu percorrido na compaña doutros usuarios e usuarias desta asociación sen ánimo de lucro.

miércoles, 3 de junio de 2015



Andaina Pro Saúde Mental participarána este sábado 6 de xuño na IV Feira da Sidra da Estrada
Terá lugar este sábado e nela ofrecerase unha degustación do produto ecolóxico elaborado no seu taller de inserción laboral
3 xuño 2015 Andaina Pro Saúde Mental ten confirmada a súa presenza esta fin de semana na IV Feira da sidra que se celebrará no concello da Estrada. Unha cita que terá lugar o sábado día 6 e coa que se pretende dar a coñecer a súa sidra ecolóxica, promovendo así o seu produto de alta calidade realizado polos usuarios e usuarias no taller  de inserción laboral organizado pola asociación. Todo isto grazas ao respaldo económico da Subdirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar.

    Deste xeito perséguese ofrecer unha dimensión profesional do proxecto, compartindo degustacións tanto co público xeral como con profesionais do sector. Á cita acudirán máis dunha ducia de lagares de distintos puntos da comunidade galega, Asturias, Cantabria e O País Vasco entre outros (Lagar de Ribela, Sidra Peroja, LP, Torres de Moreda, Val de Traba, Fundación Producto Ecolóxico e CFEA Guísamo etc). Andaina Pro Saúde Mental formará parte dun conxunto de tres colectivos, xunto con Lagar do Eume e Ullama, baseados na produción non lucrativa e na que a elaboración da sidra se orienta a fins terapéuticos.
     A dita degustación terá lugar na praza do Concello de 13 a 14 horas e de 18 a 20 horas. Ademais tamén está confirmado o concerto que a viguesa Carmen Johns ofrecerá unha vez finalizada a feira, e que contará co patrocinio de Maeloc.