lunes, 28 de septiembre de 2015

Teatro, música e moito máis para conmemorar o quinto aniversario de Andaina Pro Saúde Mental






























Tivo lugar esta fin de semana en Ordes, outorgándoselle o título de socio de honor á Mancomunidade pola súa colaboración e axuda
28 setembro 2015 Andaina Pro Saúde Mental celebrou esta fin de semana o seu quinto aniversario. O punto de encontro para usuarios, familiares, voluntarios, directivos e todos os que se quixeron achegar a vivir esta xornada festiva foi o auditorio da casa da cultura de Ordes.
Para un día tan especial contouse coa participación do cantante ferrolán Miguel Alonso, que ofreceu unha mostra do seu repertorio. A continuación tivo lugar a obra teatral 'Romeo e Xulieta' unha adaptación realizada por Francisco Rey, actual responsable dos obradoiros teatrais que se levan a cabo na asociación. Ademais tamén se procedeu coa entrega de diplomas aos alumnos e alumnas dos cursos de 'Horticultura ecolóxica e elaboración de produtos realizados con mazá'.
A fundadora e presidenta de Andaina Pro Saúde Mental, Omaira Tuirán, tivo unhas palabras de agradecemento pero tamén de “ánimo e apoio para as familias que teñen algún caso de enfermidade mental”. Unha vez máis incidiu na importancia da normalización e desestigma e nas necesidades de apoio que teñen os máis achegados aos usuarios. Antes de rematar tamén tivo un especial recordo para Nando 'ese compañeiro e amigo que este ano nos deixou e que nunca esqueceremos”, manifestou.
Non foi o único recoñecemento da xornada. En representación da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ordes recolleu o diploma acreditativo de socio de honor. Un recoñecemento brindado pola colaboración e axuda brindadas dende o ente supramunicipal e que xa o ano pasado recaeu no Concello de Ordes. Susana García recoñeceu a súa satisfacción “por traballos e esforzos como os que Andaina vén realizando”, apostando por continuar “coa colaboración por parte do Concello de Ordes e das demais institucións da comarca para acadar logros e melloras que fagan a vida máis fácil a aquelas persoas que máis o necesitan”.

Para concluír convidouse a todas e todos os asistentes a unha gran merenda na que non faltou a sidra ecolóxica Andaina. 

No hay comentarios: