lunes, 12 de octubre de 2015

Andaina Pro Saúde Mental celebra este venres 
a I Xornada de Teatro de Saúde




Terá lugar no salón teatro do complexo da Paxareira, no concello de Dodro. En total subirán a escena cinco asociacións de axuda aos enfermos mentais, chegadas de distintos puntos de Galicia 
 
13 outubro 2015 A Asociación Andaina Pro Saúde Mental ten organizado para o vindeiro venres, 16 de outubro, a I Xornada de Teatro en Saúde Mental. Unha cita que se desenvolverá no salón situado no centro que a asociación ten no complexo da Paxareira, no municipio de Dodro, dende as 11 ata as 19 horas.
O programa previsto inclúe as representación de 'O cazo de Sabela' por parte dos usuarios e usuarias da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña; 'Contos', a cargo da Asociación DOA, na que a improvisación e a elaboración dos textos partindo das personaxes e escenarios son o máis importante; a parte máis cómica e divertida virá da man do grupo da asociación monfortina Albores coa obra 'Ábrese o telón', na que utilizan os chistes como punto de arranque; Morea Show convidará a todas e todos os asistentes a xogar ó poker das emocións a través de 'Microencontros', unha serie de escenas inconexas que convidan á reflexión; para pechar o telón Andaina Pro Saúde Mental ofrecerá 'Romeo e Xulieta', unha versión de Francisco Rey, recentemente estreada con gran éxito na celebración do seu quinto aniversario.
Con todo isto preténdese, por unha parte, compartir unha xornada lúdica e creativa na que superar estigmas e prexuízos baseados nas enfermidades mentais, mediante o contacto e o intercambio de experiencias e coñecementos entre monitores, monitoras, usurarios e usuarias de distintas asociacións. Por outra banda preténdese afondar e incentivar o emprego do teatro e a escenificación como ferramenta terapéutica e de desinhibición, mediante a cal por de publicamente de manifesto sentimentos, situacións e sensacións.
Ademais das asociacións e grupos citados hai que destacar a colaboración da Mancomunidade de Montes Balouta e Fontecova – A Paxareira Dodro, FEAFES Galicia e o Concello de Dodro.

No hay comentarios: