lunes, 12 de octubre de 2015

XII SEMANA DA SAÚDE MENTAL 2015
CONSORCIO AS MARIÑAS

 
Con motivo da celebración o 10 de outubro do Día da Saúde Mental o Plan Coordinador de Servizos Sociais organiza, un ano mais, a Semana da Saúde Mental co obxectivo de visibilizar o traballo que se fai cos enfermos mentais e as súas familias tanto dende as distintas asociacións do entorno como dos concellos que integran o Consorcio As Mariñas.
Este ano, o lema para este día é “Ponte no meu lugar. Conecta conmigo” , buscando unha maior empatía por parte do resto da sociedade cara a estas persoas. Un traballo no que todos os días poñen o empeño os Servizos Sociais dos concellos das Mariñas e as asociacións para facer da inclusión plena e efectiva deste colectivo en todos os ámbitos unha realidade e non solo un desexo.
 Na Semana da Saúde Mental, ademais dos distintos actos que se organizan en cada concello o Consorcio As Mariñas organiza distintos actos en dous días distintos.

MARTES - 13/OUTUBRO/2015
Torneo Triangular de Fútbol Sala. Polideportivo Municipal de Betanzos. 19:00 horas
Tres equipos, integrados por rapaces e rapazas con enfermidade mental, participan neste torneo de carácter non competitivo, no que todas as persoas participantes gañan. Nesta edición, ademais dos equipos do Consorcio As Mariñas e de APEM, participa un equipo da Asociación da Axuda o Enfermo Mental A Mariña de Lugo. Esta asociación resultou gañadora o ano pasado do I Premio Jose Luis Muruzabal por unha experiencia integradora destas persoas a través do deporte.
Como todos os anos, os veteranos do RCD Deportivo de A Coruña, amosando a súa solidariedade, colaboran neste partido reforzando os distintos equipos e integrándose neles como uns xogadores mais, o que resulta unha motivación extra para o resto dos xogadores.

XOVES - 15/OUTUBRO/2015
Mesa redonda e entrega do II Premio Jose Luis Muruzábal. Auditorio das Torres de Santa Cruz no Concello de Oleiros. 19:30 horas
O acto vaise dividir en dúas partes:
Mesa Redonda: “O ingreso non voluntario do paciente psiquiátrico”
Nesta mesa se abordará unha cuestión que preocupa moito ás familias e aos profesionais dos Servizos Sociais, a grave situación que se produce cando un enfermo psiquiátrico precisa dun ingreso hospitalario ante unha crise e non quere facelo.
Para tratar este tema participarán representantes do ámbito xudicial e do sanitario, ademais dun representante das familias e outro dos propios pacientes, co fin de coñecer en primeira persoa como o viven eles eses momentos. Unha visión fundamental nese obxectivo de empatizar co enfermo psiquiátrico e tratar de poñernos no seu lugar, como reza o obxectivo deste ano do Día da saúde Mental.

Entrega do II Premio Jose Luis Muruzábal
Con posterioridade á mesa redonda, Jose Antonio Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas, entregará o II Premio Jose Luis Muruzábal  experiencias innovadoras no ámbito da saúde mental ao proxecto gañador na edición deste ano. Este ano presentáronse un total de 6 proxectos, de distintos puntos da comunidade Autónoma, A Coruña, Lugo e Pontevedra, e abordando a integración dende o ámbito educativo, laboral, deportivo...
O proxecto gañador, ademais de recibir os 2.000 € cos que está dotado o premio, se presentará a toda as persoas que asistan ao acto, un aliciente mais para acudir a esta interesante convocatoria.
Dende o Consorcio As Mariñas e os nove concellos que o integran seguimos a amosar o compromiso coas persoas con enfermidade mental e as súas familias, un compromiso que se fai realidade todos os días do ano co traballo desenvolto dende o Gabinete de Inserción Sociolaboral e as accións formativas e de inserción laboral que se levan a cabo polas técnicas de inserción e as preparadoras laborais que traballan neste dispositivo.

No hay comentarios: