viernes, 20 de noviembre de 2015

Aniversario feliiizzz!!!







Lino e Bea xa teñen un máis!

20 novembro 2015 Andaina Pro Saúde Mental nunca deixa pasar por alto o aniversario dos seus integrantes. Nesta ocasión a festa foi en honor a Lino e Bea, o noso mestre de sidra e a nosa administrativa. Moitísimas felicidades rapaces. Quéresevos moito!!!
Novo curso de cociña de Andaina Pro Saúde Mental






















Nas clases participan os usuarios e usuarias e desenvólvense na casa da cultura, contando coa colaboración do Concello de Ordes

20 novembro 2015 Clases de cociña. Esta é a última actividade que a asociación Andaina Pro Saúde Mental está a desenvolver dentro do seu amplo programa. Todos os mércores pola mañá a casa da cultura de Ordes é lugar de encontro para que usuarios, usuarias e monitores se poñan os mandís e coloquen as cazolas e tixolas no lume para realizar deliciosos pratos. Para inaugurar estas clases e aproveitando a procedencia dunha das monitoras elaboráronse receitas propias do Caribe, co plátano como ingrediente principal. Patacóns, talladas fritas e cabeza de gato foron algunhas das delicias que se elaboraron. Unha vez máis hai que agradecerlle ao Concello de Ordes a súa colaboración para facer posible a posta en marcha deste novo curso. 
Andaina Pro Saúde Mental adquire coñecementos de poda e recuperación de maceiras





As clases desenvólvense na leira da Paxareira (Dodro). Compleméntanse co proxecto de elaboración de sidra ecolóxica

20 novembro 2015 Andaina Pro Saúde Mental está a desenvolver un novo curso de poda e recuperación de maceiras. Unha iniciativa formativa que se desenvolve na leira e instalacións das que a asociación fai uso na mancomunidade da Paxareira, no concello de Dodro. Trátase duns coñecementos que se complementan perfectamente co seu proxecto de elaboración de sidra ecolóxica, polo que o seu aproveitamento e eficacia á hora de poñer en práctica os coñecementos adquiridos é algo indiscutible. O dito curso forma parte do programa de inclusión social da Consellería de Traballo e Benestar, contando ademais co financiamento do Fondo Social Europeo a través do seu programa Leader. 

domingo, 15 de noviembre de 2015

Andaina Pro Saúde Mental
desfruta da tradición do magosto 



15 novembro 2015 Un ano máis os usuarios e usuarias de Andaina Pro Saúde Mental non deixaron pasar por alto unha das tradicións máis arraigadas deste época do ano, o magosto. O lugar para a celebración foi a súa sede no concello de Dodro. Alí puxéronse mans á obra e despois de escoller e adentar as castañas fixeron un bo lume para poder asalas. Por suposto non faltou a sidra e o zume de mazá ecolóxica 'Andaina', tamén realizada por eles mesmos.
Todo estaba boísimo!!

sábado, 14 de noviembre de 2015

Andaina Pro Saúde Mental inaugura en Ordes 
a súa primeira exposición de pintura






14 novembro 2015 Andaina Pro Saúde Mental vén de inaugurar a súa primeira exposición de pintura. O lugar escollido para colgar as preto de cincuenta obras de diversas temáticas e estilos foi o Museo do Traxe Juanjo Linares, no Concello de Ordes. Alí poderanse contemplar de martes a domingo e completamente de balde ata finais de mes. Falamos de creacións realizadas polos propios usuarios e usuarias nos obradoiros e sesións de arteterapia dirixidos pola fundadora da asociación Omaira Tuirán. Predominan os óleos e as temáticas escollidas son do máis variadas, indo dende o figurativo ata o romántico e, nalgúns casos, atrevéndose incluso co abstracto. No acto inaugural contouse coa presenza de Roberto Rey e Susana García, presidente da Mancomunidade de Ordes e concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ordes respectivamente. Ao igual có resto de asistentes ambos os dous desfrutaron dun bo vaso de sidra ecolóxica Andaina, realizada polos membros da asociación con mazás autóctonas galegas.

jueves, 12 de noviembre de 2015

Andaina Pro Saúde Mental inaugura este venres a súa mostra de pintura no Museo do Traxe

Poderanse ver máis de sesenta pezas realizadas polos usuarios e usuarias desta asociación con fins sociais, sen ánimo de lucro e con sede en Ordes

11 novembro 2015. Este vindeiro venres, 13 de novembro, ás 19 horas, no Museo do Traxe, terá lugar a inauguración da mostra de pintura realizada polos usuarios e usuarias de Andaina Pro Saúde Mental. En total exporanse cincuenta pezas de todos os estilos e realizadas con distintas técnicas.

     A cita está aberta a todas aquelas persoas interesadas en coñecer a actividade creativa e pictórica que esta asociación, sen ánimo de lucro e con sede en Ordes, vén realizando nos últimos tempos. “Cada semana facemos talleres e arteterapia. Empregamos a pintura como unha canle de expresión e desafogo para moitos dos nosos usuarios e usuarias. Non é o único porque tamén temos obradoiros de traballos manuais onde facemos todo tipo de cousas, abelorios e utensilios. En todo isto temos unha especial predilección polos materiais reciclados”, manifesta Omaira Tuirán, fundadora de Andaina Pro Saúde Mental.       

martes, 10 de noviembre de 2015

Andaina PSM participa da festa do cine




10 novembro 2015 Aproveitando a celebración da gran festa do cine un bo número de usuarios, usuarias e monitores achegáronse ata o centro comercial As Cancelas. Alí, entre todos e todas, decidiron mercar as entradas para ver a comedia 'El becario'. A película, escrita e dirixida por Nancy Meyers, narra a historia dun home de 70 anos (Robert de Niro) que traballa como bolseiro nun negocio de venda en liña de moda. O que nun principio foi reticencia por parte de súa directora (Anne Hathaway) transformarase en recoñecemento para un home que demostrará ser vital para o funcionamento empresarial.
Unha peli que non podedes perder!